miércoles 26 de mayo de 2010

EN URXENCIAS O HOSPITAL DA COSTA?

O certo é que, cada día que vai pasando, as cousas que se escoitan nos medios de comunicación van sendo, coma sempre, mentira. E digo coma sempre, porque nestes casos nos que a política é a que manda e a que decide, os medios de comunicación son máis ben medios de desinformación.
Estou farto de escoitar que a política o que intenta é que a sociedade viva mellor e teña máis comodidades ao seu alcance, e isto dende todas as bandas políticas. Pero agora toca falar, coma  moitas veces, desa banda que nos dá tanto do que falar.
Xa que nos queren quitar, iso si, so no ámbito culto e formal, o noso idioma, de que seguen empeñados en reproducir o modelo caciquil de décadas anteriores, e de que se rin de nós tanto económicamente como socialmente, agora, digo agora porque comezan a verse as cousas, van e prívannos desa realidade que íamos conseguindo e que tanto alardean de prestar, a comodidade e o servizo á sociedade. O Hospital da Costa vai entrando nesa rede de centralización da sanidade, e é que viven nesa época de centralización, que non sei se vivo cos Reis Católicos, porque mira que lles dá coa única españa centralizada "en esa capital". Pois ben, a señora Pilar Farjas Abadía, conselleira de sanidade, vén de cambiar a dirección do Hospital, sacando do posto a unha persoa que só levaba un ano exercendo de director, iso si, dándolle as grazas e dicindo que o necesitaban no novo hospital de Lugo, e o posto do novo cargo do Hospital da Costa será o xerente do centro da rede sanitaria galega, non vai ser o director do Hospital. Todo moi claro señora Farjas, xa que o uso destes termos xa nos clarifica todo o contrario do que din as noticias da televisión que vostedes controlan, xa que estou canso de escoitar que non vai cambiar nada.
Pois se non vai cambiar nada non sei por que non emprega o termo "director do hospital" e non entendo moi ben a persoa escollida para este posto, ou si, xa que é do PP e foi alcalde por este partido.
A realidade é que coa nova acepción da sanidade, esa moderna que nos queren vender e onde "o paciente vai estar no centro do sistema" palabras textuais súas, vai ir encarada a que os grandes hospitais das cidades controlen os máis pequenos, o que implica que toda a maquinaria legal e de trámites formais vai estar rexida e dirixida por eses grandes hospitais, polo que xa encontro a primeira traba na miña comodidade social. Se para certas cousas teño que esperar que me tramiten certos papeis noutro hospital que non é no que me teñen que atender, o retraso será o dobre, e señores do PP, se eu estou en trámites neste caso é que estou ENFERMO.
Din que non van quitar servizos, pero iso é imposible, poque moitas especialidades se non se rexen dende o mesmo hospital é totalmente imposible que funcionen, polo que se teñen que recortar, o que é outra traba na miña comodidade social.
Queren que me informen dalgunhas probas dende outro hospital e por vía telefónica, o que me resta trato persoal e claridade de información cando eu estou ENFERMO.
Xa se fala dende os implicados de que os recortes terán o sentido de que se eu tiven un accidente e teño que ir á tarde ao hospital, en certas especialidades terei que esperar ao día seguinte ou ir a outro hospital máis grande e importante para vos, todo isto cando vou por urxencias e estou ENFERMO.
Por todo isto e moitas cousas máis, quero recordarvos iso da comodidade social e de que o importante é a familia, algo moi dos PPs, xa que se enfermo e por todo o dito teño que ir a outro hospital, a miña familia non pode estar perto de min. Pero seguimos escoitando os telexornais e lendo nos medios que seremos o centro da sanidade, pero digo eu:
"Serán o centro da sanidade a xente que vive nas cidades, xa que é onde vai estar a sanidade real, e serán esas xentes da cidade porque son máis importantes ca nós, porque suman máis votos, e iso é o que importa, o número de votos, e nas cidades é onde está ese número do que tanto se preocupan, ese é o número que ten que ter a comodidade social, o resto que vivimos na tranquilidade e nas nosas vilas e pobos ou aldeas, como non xuntamos ese número, teremos que gozar da medicina tradicional e das listas lonxanas de espera porque os que enferman están nas cidades."
Os votos dos que falo, son tamén destas terras, e como a democracia é o que reina, e os votos deixáronvos na posición de mandato, terei que calar e esperar que a xente que vos votou sufra nas súas carnes todas as trabas que lle puxeron os señores aos que lle deron a confianza. E seguro que o sofren, porque isto que facedes pero que non dicides, é a realidade que sufrimos os números que manexades.